top of page

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC acolleu a conferencia do Ministro de Economía, Carlos Cuerpo, sobre os retos da economía española.

  • keylasofiabaptista
  • 1 day ago
  • 2 min read

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela acolleu o pasado 4 de febreiro de 2026 a conferencia titulada “Situación e Retos da Economía Española”, impartida polo Ministro de Economía, Comercio e Empresa, D. Carlos Cuerpo Caballero.


O acto contou cunha alta participación: asistiron máis de 500 estudantes, que encheron a aula A da Facultade. A elevada afluencia e a participación activa durante a sesión puxeron de manifesto o interese da comunidade universitaria por coñecer de primeira man a evolución da economía española e os principais desafíos aos que se enfronta o país.


A sesión foi inaugurada polo Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, D. Antonio López Díaz, quen deu a benvida ao Ministro e subliñou a relevancia deste tipo de encontros para complementar a formación académica do alumnado. A continuación, o Decano da Facultade, D. Xoán Ramón Doldán García, agradeceu a presenza do Ministro e destacou o valor institucional da visita. Interveu tamén a Vicedecana de Relacións coas Empresas e Institucións, Dª Rosario Vidal Lopo, quen puxo en valor a importancia de achegar o estudantado a responsables públicos e privados como parte fundamental da súa formación universitaria. Finalmente, o catedrático e coordinador de Públika, D. Santiago Lago Peñas, presentou o relator, salientando a súa traxectoria académica e profesional.


Durante a súa intervención, o Ministro optou por un formato participativo, baseado en preguntas directas do público, co obxectivo de coñecer de primeira man as preocupacións da mocidade e da sociedade. Entre os temas abordados destacaron o acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur, a situación do mercado da vivenda, a evolución do crecemento económico español, o emprego, as pensións, o papel dos ministerios nacionais no marco da Unión Europea e a inflación.


O Ministro subliñou a resiliencia da economía española, que nos últimos anos amosou un crecemento superior ao doutras economías desenvolvidas, apoiado na diversificación do modelo produtivo, no dinamismo do mercado laboral e no fortalecemento do ecosistema innovador. Así mesmo, destacou a importancia de que os bos resultados macroeconómicos se traduzan progresivamente en melloras no benestar dos fogares.


A conferencia concluíu cun agradecemento do Ministro á comunidade universitaria pola invitación e pola participación activa, así como coa súa disposición a continuar o diálogo co estudantado e o profesorado a través de múltiples canles.



 
 
 

Comments


Commenting on this post isn't available anymore. Contact the site owner for more info.
bottom of page