A USC forma a 30 funcionarios de alto nivel da Xunta de Galicia para avaliar políticas públicas
A reitora, Rosa M. Crujeiras Casais, inaugurou esta mañá unha microcredencial que conecta a formación continua en técnicas avanzadas de avaliación de políticas públicas coas decisións da Administración autonómica.
O programa, promovido por PÚBLIKA-USC e financiado pola Xunta de Galicia, ofrece 100 horas de formación presencial en técnicas avanzadas de avaliación de políticas públicas.
A Universidade de Santiago de Compostela formará a 30 funcionarios de alto nivel da Xunta de Galicia en avaliación de políticas públicas, unha especialización clave para identificar que intervencións funcionan, medir os seus resultados e mellorar a asignación dos recursos públicos. A reitora da USC, Rosa M. Crujeiras Casais, participou esta mañá na inauguración da primeira edición da Microcredencial Universitaria en Formación para a Avaliación de Políticas Públicas, promovida por PÚBLIKA-USC en colaboración coa Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.
A iniciativa sitúa a formación dos profesionais da Administración no centro da mellora da xestión pública. O seu propósito é reforzar a capacidade de xestión mediante a análise de que resultados consegue unha política, en que medida poden atribuírse á intervención pública e que beneficios xera en relación co seu custo. Incorporar estas ferramentas á toma de decisións permite fundamentar o deseño dos programas, detectar necesidades de mellora e orientar o gasto cara a actuacións máis eficientes.
O programa desenvolverase entre novembro de 2026 e abril de 2027, con 100 horas de formación presencial na USC. Os contidos combinan análise estatística, métodos de identificación causal e análise custo-beneficio, cunha orientación aplicada ás necesidades da Administración. A formación permitirá aos participantes reforzar as súas competencias para analizar datos, interpretar resultados e valorar os efectos das intervencións públicas.
Durante a apertura, a reitora destacou a importancia da formación continua e da especialización profesional para afrontar os retos actuais da Administración. A iniciativa reforza o compromiso da USC coa transferencia de coñecemento e cunha oferta formativa capaz de dar resposta ás necesidades das institucións públicas.
A microcredencial está dirixida por Santiago Lago Peñas e codirixida e coordinada por María Cadaval Sampedro. O equipo docente reúne profesorado e especialistas de recoñecido prestixio en economía pública, avaliación de políticas e análise económica aplicada.






Comments