PIB e benestar – Ciclo de conferencias SEC Públika/Aula ECOADE 25/26
- 8 hours ago
- 1 min read
O 25 de marzo de 2026 celebrouse a sexta e última sesión do ciclo de conferencias Sistema Europeo de Contas, Crecemento, Benestar e Sustentabilidade – Aula ECOADE 25/26, organizado por Públika. Esta xornada puxo o broche final a un programa formativo que, ao longo do curso, reuniu a docentes e profesionais de recoñecido prestixio para afondar na análise económica desde unha perspectiva teórica e aplicada.
A conferencia, titulada PIB e benestar, foi impartida por Patricio Sánchez Fernández, profesor da Universidade de Vigo (UVigo). Durante a súa intervención, o relator analizou a relación entre o Produto Interior Bruto (PIB) e o benestar social, abordando as limitacións do PIB como indicador único para medir o progreso económico e a calidade de vida. Así mesmo, destacou a importancia de complementar este indicador con outras métricas que permitan captar de maneira máis completa dimensións sociais, ambientais e distributivas do benestar.
Ao longo do ciclo, as persoas asistentes puideron adquirir unha visión global do Sistema Europeo de Contas (SEC), incluíndo a súa estrutura, metodoloxía e interpretación, así como a súa aplicación á análise input-output e a fenómenos clave como o crecemento económico, a sustentabilidade e o benestar. A sesión de clausura permitiu integrar os distintos enfoques abordados nas conferencias anteriores, reforzando a comprensión do papel da contabilidade nacional no deseño e avaliación de políticas públicas.





Comments