top of page

Éxito na sesión informativa sobre gobernanza europea con Lois Pimentel Iglesias

  • 16 hours ago
  • 1 min read

O pasado 8 de abril de 2026, Lois Pimentel Iglesias, profesional da Comisión Europea, impartiu unha sesión informativa na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.


Durante a conferencia, abordouse a evolución da Unión Europea desde as súas orixes ata a súa configuración actual como unha das principais organizacións supranacionais, así como os criterios de Copenhague necesarios para a adhesión de novos Estados membros.


A sesión centrouse especialmente no papel da Comisión Europea, explicando as súas funcións principais, como a iniciativa lexislativa, a xestión do orzamento, a supervisión do cumprimento do dereito comunitario e a representación da UE a nivel internacional. Tamén se presentou a distribución de competencias entre a Unión e os Estados membros, así como o proceso de elaboración de políticas públicas, desde o mandato político inicial ata a súa avaliación final, incluíndo a análise de impacto e a comparación de distintas alternativas.


Desde unha perspectiva práctica, Lois Pimentel mostrou como é o traballo diario dentro da Comisión Europea, abordando tarefas como a redacción e análise de lexislación, a xestión de programas e orzamentos, a elaboración de análises económicas ou a interacción con distintas institucións e actores. Neste sentido, a sesión permitiu entender non só como se toman as decisións na UE, senón tamén como impactan no día a día da súa cidadanía.


En conxunto, tratouse dunha sesión clara e próxima, que permitiu ás persoas asistentes comprender mellor o funcionamento da Unión Europea, o impacto real das súas políticas no día a día e o desenvolvemento profesional existente dentro das súas institucións.



 
 
 

Comments


Commenting on this post isn't available anymore. Contact the site owner for more info.
bottom of page