A Comisión Europea na aula: Públika organiza unha sesión sobre gobernanza e políticas públicas con Lois Pimentel
- 5 days ago
- 1 min read
O vindeiro 8 de abril, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Públika organizará unha conferencia centrada na análise da gobernanza e no deseño de políticas públicas na Unión Europea.
A sesión será impartida por Lois Pimentel, quen actualmente traballa no deseño de políticas públicas na Comisión Europea, dentro da Dirección Xeral de Mercado Interior e Industria. É graduado en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela, onde obtivo o Premio Extraordinario de Grao, e conta cun mestrado en Asuntos Europeos pola London School of Economics (LSE), así como cunha especialización en Economía e Políticas Públicas por Sciences Po Paris.
Esta sesión enmárcase na materia de Xestión e Gobernanza Pública de Públika, pero estará aberta ao público en xeral, especialmente a todas aquelas persoas interesadas no funcionamento das institucións europeas e nas oportunidades profesionais no ámbito internacional.
Durante a conferencia, Lois Pimentel explicará o sistema de gobernanza europeo e os principais debates e prioridades actuais no contexto xeopolítico. Así mesmo, compartirá a súa experiencia profesional e o funcionamento diario da Comisión Europea, presentando tamén posibles oportunidades de prácticas para o alumnado.
Con este tipo de iniciativas, Públika continúa consolidando a súa aposta por achegar a realidade profesional ao contorno académico, facilitando o contacto directo do estudantado con profesionais que desenvolven a súa carreira en institucións de referencia.




Comments